GALEGO | CASTELLANO
Contidos

O presidente da Xunta participou no acto de entrega do Premio Diego Bernal 2019 que outorga a Asociación de Periodistas de Galicia a Xosé Luis Vilela Conde

Feijóo enxalza o papel dos medios de comunicación na consolidación do autogoberno galego e anímaos a seguir sendo “os ollos e os oídos” da cidadanía

Incide en que as sociedades confusas xorden cando están orfas de medios de comunicación que acheguen criterios que eviten esa outra inflación que é a inflación de datos inconexos

Vídeo coas declaracións do presidente da Xunta
  • O presidente da Xunta participou no acto de entrega do Premio Diego Bernal 2019 a Xosé Luis Vilela Conde
  • O presidente da Xunta participou no acto de entrega do Premio Diego Bernal 2019 a Xosé Luis Vilela Conde
  • O presidente da Xunta participou no acto de entrega do Premio Diego Bernal 2019 a Xosé Luis Vilela Conde
  • O presidente da Xunta participou no acto de entrega do Premio Diego Bernal 2019 a Xosé Luis Vilela Conde

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou hoxe o papel dos medios de comunicación na consolidación do autogoberno galego e animounos a seguir sendo “os ollos e os oídos” da cidadanía, narrando e analizando con claridade e rigor as cuestións que afectan –dun xeito ou outro- a vida dos cidadáns.

Durante o acto de entrega do Premio Diego Bernal 2019, que outorga a Asociación de Periodistas de Galicia a Xosé Luis Vilela Conde, considerou significativo que as mesmas forzas que cuestionan, por elitista, o periodismo tradicional, dirixan unha acusación semellante contra a democracia representativa. “Estorbamos a aqueles que substitúen a política polo mero activismo e a comunicación pola arenga”, aseverou, lembrando que a realidade demostra que tanto a política como a comunicación dos que loitan contra as fórmulas tradicionais, acaba sendo piramidal, hermética e fratricida.

Nesta liña, o responsable do Goberno galego incidiu en que as sociedades confusas xorden cando están orfas de medios de comunicación que acheguen criterios que eviten esa outra inflación que é a inflación de datos inconexos. “Darlle de costas ao pensamento diferente para enclaustrarse no pensamento único leva a sociedades fragmentadas”, abundou.

En relación ao premiado, Feijóo salientou que, desde o primeiro artigo que publicou con só 18 anos ata o presente, o periodista da Costa da Morte sempre se preocupou por que o medio no que traballa nunca perda a vocación coa que naceu: ser a voz da maioría dos galegos. “Dos da Galicia urbana e dos da rural, dos da costa e dos do interior, dos que prefiren a edición web e dos que seguen almorzando cada mañá co diario en papel”, dixo, ao que engadiu que as 13 edicións coas que conta o xornal demostran que hai unha vocación por chegar ata o último recuncho da Comunidade.

“Xosé Luis Vilela dirixe un medio no que o lector vai pasando da conformidade á discrepancia, do acordo ao desacordo, e onde atopa xente amiga e non tan amiga. Non hai mellor pedagoxía para vivir nunha sociedade onde hai que convivir coa discrepancia”, concluíu.

Contidos
  • Televisión Dixital Terrestre
  • Retegal
  • CRTVG
Xunta de Galicia
Ir a Turismo de Galicia Turismo de Galicia
Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS